Máis propostas: A cabeza da medusa de Marilar Aleixandre
Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde
Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que,
como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen
deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor
non denunciar, non procurar complicacións? A obra está inspirada no mito de Medusa,
castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a
mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso
camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa
lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as
alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o
sucedido. Narrada en terceira persoa, A Cabeza de Medusa, a novela de
Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de
literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo,
así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado,
“unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o
comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última
páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a
procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na
resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica
novela con valentía, claridade e tenrura (Fonte: Edicións Xerais).
Comentarios
Publicar un comentario