Unha pequena homenaxe para Harper Lee e Umberto Eco
O día 19 de febreiro de 2016 converteuse nunha data que será tristemente lembrada: Harper Lee e Umberto Eco falecen, en Alabama e Milán, respectivamente.
Harper Lee é a autora da súa inesquecible Matar a un ruiseñor, unha novela coa que fixo un alegato pola igualdade e a xustiza. Ambientada na época da Gran Depresión nun Sur moi racista, narra a defensa que Atticus Finch - un respectado home na súa comunidade e modelo de rectitude - fai dun home afroamericano acusado falsamente da violación dunha muller branca. Esta defensa vaille crear un sinfín de problemas ao protagonista cos seus veciños racistas. Hai outras tramas paralelas coas que plantexa diferentes conflictos que poden xurdir na convivencia da xente dunha comunidade sureña: o enfrentamento entre ricos e pobres, brancos e negros... Como contrapunto a todos eles, álzase a integridade de Finch, que defende o que cre xusto. Esta obra converteuse axiña nun clásico da literatura americana, de feito é unha lectura obrigada nos institutos estadounidenses. Foi levada ao cine co mesmo título, unha versión magnífica da novela, ata o punto de que acadou varias nominacións aos Oscar.
Autor do Péndulo de Foucault, A illa do día de antes, Baudolino, A misteriosa chama da raíña Loana, O cemiterio de Praga e Número Cero, así como moitísimos e importantísimos ensaios, Umberto Eco deixou unha pegada indeleble na historia da literatura universal pola súa marabillosa novela O nome da rosa. Con este relato Umberto Eco demostrou que o mito de que todos os best-sellers son malos é falso. Case case no mesmo instante da súa publicación, O nome da rosa converteuse nun clásico, e ten ademais o mérito, non só de entreter e abraiar aos amantes da lectura, senon que é unha obra capaz de crear novos lectores. É unha novela histórica chea de intriga e misterio, na que Eco fai unha abraiante e fantástica reinterpretación dos célebres Sherlock e Watson nas figuras dos relixiosos Guillermo de Baskerville (o nome do protagonista é outro guiño evidente á obra de A. Conan Doyle) e o seu aprendiz Adso.
Estes dous escritores foron fieis defensores da liberdade, da tolerancia e o respecto. Matar a un ruiseñor e O nome da rosa son obras que critican e atacan dúas caras diferentes do fanatismo e a intolerancia. Abandonáronnos onte, pero nos deixaron como legado a súa obra. En resposta, so podemos devolverlles a nosa tristura pola súa marcha, e o noso recoñecemento eterno e infinito agradecemento.
Comentarios
Publicar un comentario