Na ribeira do Oka
Este conto adaptado ao galego de Tolstoi, un célebre escritor ruso, é un manifesto contra o militarismo, contra o dominio deses exércitos que, en vez de defender ao pobo, convértense no seu agresor. Nada máis apropiado para estas festas, nas que debemos lembrar que non hai paz en todo o mundo, e que o militarismo aínda está presente.
¡¡Felices festas a todos!!
LEV NIKOLAIEVICH TOLSTOI |
Na ribeira do Oka
Na ribeira do río Oka vivían felices moitos labregos. A terra non era moi fértil, pero co esforzo daquela xente producía o necesario para vivir desafogadamente, e aínda quedaba algo para gardar "das risas para as choras".Iván, un dos labregos, estivo unha vez na feira de Tula e acordoulle de comprar dous cadelos para que coidasen da casa.
Os cans fixéronse axiña famosos en toda a veiga do Oka polas escapadas que facían tripando as leiras, desfacendo as plantacións e poñendo medo ó gando.
Tanto destrozo facían que Nicolás, veciño de Iván, foi á primeira feira de Tula para comprar outra parella de cans que defendesen a súa casa, as súas terras e o seu gando. E así foron facendo tódolos labregos.
Ó principio, os cans que gardaban unha casa pelexaban cos das outras, pero pronto se fixeron amigos e facían xuntos as escapadas. Ademais, empezaron a esixir máis dos seus donos: xa non se contentaban cos ósos e demais sobras da casa, senón que había que reserva-las mellores talladas da matanza, e houbo que construír casetas para eles e dedicar máis tempo ó seu coidado.
Cantos máis cans había, maiores eran as perdas que provocaban nas escapadas nocturnas, e os labregos compraban máis cans para defenderse. Xa había en cada casa unha manda de dez ou doce.
En canto viña a noite, se os cans sentían calquera ruído, empezaban a correr e ladrar como se un exército de ladróns ameazase a casa. Os donos collían medo, atrancaban ben as portas e dicían:
—Deus querido, que sería de nós sen estes gardas que nos defenden valentes cada noite...
Mentras, a miseria chegara á aldea. Os campos e o gando recibían ataques a cotío. Os nenos non tiñan apenas que comer, por máis que os homes traballaban de sol a sol.
Un día queixábanse diante do home máis vello e sabio do lugar, e botábanlle a culpa a unha maldición de Deus. O vello díxolles:
—A culpa tédela vós: dicides que na vosa casa falta o pan para os vosos fillos, e vexo que todos mantedes ducias de cans gordos e lustrosos.
—Son os defensores das nosas casas— exclamaron os labregos.
—¿Os defensores? ¿De quen vos defenden?
—Señor, se non fose por eles, os cans que andan soltos polas noites acabarían co noso gando e mesmo nos atacarían a nós.
—¡Cegos, cegos! —dixo o vello— ¿Non entendedes que os cans vos defenden a cada un de vós dos cans dos demais e que se ninguén tivese cans non precisariades defensores, que comen o pan que debía alimentar ós vosos fillos? Desfacédevos dos cans, e a paz e a fartura volverán ás vosas casas.
E seguindo o consello, os labregos desfixéronse dos defensores, e axiña volveron os bos tempos ás leiras e ós prados, e os sorrisos de felicidade ás caras dos nenos.
Comentarios
Publicar un comentario