MARÍA REIMÓNDEZ Muller, galega, escritora, tradutora e intérprete.


O luns 18 de marzo recibimos no IES Santa Irene a María Reimóndez. A autora de Corredora dirixiuse ao alumnado de 1º de ESO e puxo en valor a situación da muller en Etiopía. Destacou a figura da corredora Genet, unha personaxe real que, acostumada á ser cidadá de segunda, conseguiu facerse un oco no difícil mundo do deporte feminino. 
 A traxectoria de María Reimóndez comeza no ano 2002, cando publica o seu primeiro libro de poemas: Moda galega. Xa neste primeiro libro deixa claro que ela non escribe por encher páxinas en branco, non escribe para gañar premios, que moitos ten gañado, non escribe para ocupar o seu tempo libre, non escribe porque está aburrida. Non. María Reimóndez escribe porque quere que o noso berro, reclamando a igualdade, se escoite en cada recuncho e que a muller acceda aos espazos que lle foron prohibidos, negados ou burlados.
 As personaxes femininas dos seus libros están marcadas polo seu pasado, sobreviven nun presente e son mulleres fortes que soben chanzos de dous en dous, que camiñan pola vida procurando a súa meta e que se converten en modelos a imitar. Este é o caso da protagonista de Corredora. Genet herda da súa nai Toiba, a valentía, o esforzo e a gratitude que a fan saír adiante e aprender a camiñar soa pola vida, sempre de fronte e sen deberlle nada a ninguén. 
Moitas grazas, María, por achegarte ata o noso centro e compartir as túas experiencias con todas e todos nós. 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Día do Libro: Homenaxe a Cervantes